Alto do Convento 16/02/2019
Visitamos o sur da serra do Courel, máis concretamente o concello de Quiroga. O noso obxectivo nesta ocasión é o Alto do Convento (1128 m), un cumio situado moi preto do veciño concello de Folgoso, de altitude moderada, pero que é un abraiante miradoiro natural desta zona da serra.
A actividade comeza na parroquia de A Ermida, a 350 m de altitude. Os primeiros sete quilómetros son unha constante e case que permanente subida ata o mesmo cumio, con tramos de moita pendente e outros máis levadíos. No alto podemos divisar gran parte da serra e da comarca, a chaira de Quiroga e San Clodio, o val do Lor, o Courel...
Despois comezamos o descenso ata Campodola, onde podemos observar un dos máis interesantes elementos xeolóxicos do noso país, que foi declarado monumento natural no ano 2012 e lugar de interese xeolóxico no 2011: o Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós. Aquí a paisaxe cambia drasticamente, entramos no val do río Ferreiriño, e aparece o bosque autóctono. No lugar de Campodola enlazamos co sendeiro PR-G 192, o cal seguiremos ata o final da ruta no lugar de Campos de Vila.
O percorrido non ten grandes dificultades, salvo o continuo e forte desnivel a salvar tanto na subida como na baixada. Tamén no tramo do sendeiro de Campodola teremos que cruzar un rego, que en función do seu caudal pode complicarnos máis ou menos. Un pouco máis adiante hai un curto tramo que pode dar algo de vertixe.
Lonxitude: 18 km aproximadamente
Dificultade: media-alta
Desnivel: forte
86 photos · 11 views