new icn messageflickr-free-ic3d pan white
3786-Santa Maria A Nova en Noia (Coruña) | by jl.cernadas
Back to photostream

3786-Santa Maria A Nova en Noia (Coruña)

A igrexa de Santa María a Nova é un dos monumentos relixiosos e históricos máis representativos da vila de Noia. Trátase dunha igrexa construída en 1327 sobre outra máis antiga (do século XII), no centro do cemiterio histórico da cidade, e posúe unha mostra singular de laudas sepulcrais que datan dos séculos XIV ó XIX. Foi declarada monumento histórico artístico en 1973 e non posúe culto, estando actualmente dedicada a Museo.

 

Foi construída polo arcebispo santiagués Berenguel de Landoira (1262-1330), de orixe francesa, en estilo gótico mariñeiro con influencia do románico [1], sobre outra igrexa anterior do século XII. Isto pode explica-la denominación de Santa María a Nova como testemuña dunha anterior Santa María a Vella. Ten unha soa nave con tellado de madeira sobre arcos apuntados que a dividen en catro tramos, e, na cabeza, a capela maior, cuadrangular, con bóveda de canón. No lado do Evanxeo, á esquerda, a capela dos Carneiro, ou de San Pedro, cunha bóveda en forma de cuncha de vieira.

 

No exterior, destaca o tímpano da porta principal, que conserva restos da policromía orixinal. No tímpano represéntase a Adoración dos Reis: estes están á dereita da Virxe, e á esquerda está a imaxe do bispo Landoira axeonllado e, tras del, San Xosé. En 1817 construíuse un pequeno pórtico protexendo a entrada.

 

No centro da fachada, un rosetón gótico, e sobre el unha pequena espadana.

 

No altar maior destaca un retablo barroco, de 1760, no que se mostra, á esquerda, a imaxe da Virxe do Carme sacando as ánimas do purgatorio, e á dereita, a Quinta Angustia.

 

A capela plateresca dos Carneiro foi construída en 1575 por Pedro de Cereceda. Contén dous sartegos baixo cadanseu arco, un do fundador, Pero Carneiro, e outro de Álvaro Paz Carneiro. No primeiro, coa figura esculpida do personaxe, unha inscrición lémbrao: "ACI GAZ PO CARNEIRO FILLO D Pº Aº DA CORREDOIRA" (Aquí xace Pedro Carneiro, fillo de Pedro Alonso da Corredoira). Este Pero Carneiro foi un mercader que chegou a alcalde da vila de Noia, e prestou diñeiro ó cardeal e arcebispo compostelán Gaspar de Abalos (1542-1545) cando este estaba en Xénova [2]. O sepulcro de Álvaro Paz, finado pola peste en 1348, carece de figura; o seu epitafio di: "AQUI IAZ ALVARO PAZ CARNEIRO QUE SE FINOU ENA MORTALDA XV DIAS D'AGOSTO ERA MCCCLXXXVI ANOS".

 

No chan da capela hai tres laudas con escudos heráldicos labrados, moi desgastados.

 

Corre a lenda de que o cemiterio está feito coa terra que trouxeron desde Palestina os barcos noieses. Outra lenda conta a orixe do cruceiro e o seu baldaquino: isto eran dous irmáns que se separaron durante o transcurso dunha guerra en Xerusalem. O irmán maior, por máis que pescudou durante sete anos, non atopou o pequeno e, cando regresou a Noia mandou construír o cruceiro en memoria do desaparecido, ó que creía morto. Pero o certo é que o irmán menor caera preso e logrou escapar pero cando volveu, o outro xa morrera, e mandou construí-lo baldaquino sobre o cruceiro do irmán en memoria deste.

 

Fóra lendas, o certo é que no cemiterio da igrexa impartíase xustiza ata o ano 1517, data na que as autoridades eclesiásticas prohibiron este uso.

 

Na parte sur hai outro cruceiro, gótico do século XVI

 

A verdadeira importancia do cemiterio desta igrexa está na colección de laudas sepulcrais. O número total de laudas que se conservan parece supera-los cincocentos [4], se ben só unha pequena parte están recuperadas e expostas ó público, tanto no interior como no exterior da igrexa

 

Galipedia.

6,010 views
10 faves
41 comments
Taken on May 1, 2014