30 aniversario de Andaina
ANDAINA. Revista Galega de Pensamento Feminista vai celebrar o seu aniversario. Trátase dun cumpreanos moi especial pois o vindeiro mes de xaneiro fará 30 anos que viu a luz o número 0 naquela Galiza de 1983.
E queremos celebralo. Facerlle una festa a esta mozota que tantas alegrías nos leva dado, que co paso do tempo ten xuntado a una presa de mulleres con afán de denunciar machismos, de difundir ideas e pensamento feminista. Donas teimosas empeñadas en buscar e solicitar a mulleres que colaborasen cos seus escritos, opinións, pinturas, fotos, debuxos, ideas… Reunindo e publicando nas súas páxinas inestimables contribucións que desmentiron as rutinas que presupuñan que apenas había mulleres para facer estas e outras cousas.
Tivemos una equipa de redacción sempre dinámica e sempre afeccionada, nunca profesional. Estamos orgullosas, claro, de ter sido capaces desta fazaña sen contar apenas con apoios institucionais nin difusión dos medios de comunicación de masas sempre máis atentos a que calquera político de aquí ou alí diga si, corte una cinta, inaugure un pantano ou descubra una placa.
Celebraremos o 30 aniversario da nosa revista con orgullo e tamén con preocupación. A situación económica neste momento é moi difícil (supomos que non vos soa a novo). Agora debemos facer moitos números, contas, plans e outras cousas para seguir tirando a revista e poder, en papel e sobre, chegar ás persoas subscritoras que tanto nos levan apoiado e a quen tanto agradecemos a súa confianza e apoio.
Aproveitamos a ocasión para convidarte a presentación do último número de Andaina, na galería Sargadelos de Santiago de Compostela (rúa Nova, 16) o vindeiro día 11 de xaneiro ás 19:30 horas. Ademais, se che presta cear con nós ese día no local que pon ao noso dispor a Gentalha do Pichel, no número 21 da rúa Santa Clara, en Santiago de Compostela, confirma a túa asistencia enviándonos un correo a: andaina@andainademulleres.org. Para que poidamos organizarnos, debes facelo antes das doce da mañá do día 7 de xaneiro.
Unha chea de grazas!
34 photos · 635 views